Estades a piques de experimentar o ASMR das cidades españolas; o mellor lugar onde se podía celebrar a DrupalCamp e que, ademais deste evento único, vos ofrecerá outro mar de posibilidades e actividades nos vosos momentos de lecer.
Pero é isto puro marketing e hipérbole? ¡Xamais! Se sodes food lovers, esta é a vosa cidade. Se sodes nature lovers, este é o voso destino! Se pola contra sodes culture lovers, escolledes ben o lugar. Se vos considerades spiritual lovers, todos os camiños vos trouxeron ata Compostela. E xa se sodes tech lovers, pois que imos dicir… estamos pensando directamente en vós.
Santiago é un enclave turístico, universitario e para vivir como poucos; unha cidade compacta e doada de percorrer a pé (non diremos que é chaira, pero as súas costas non son nin o Angliru nin o Kilimanjaro). Tal é así que esteades onde esteades, en 10 minutos chegaredes ao destino que queirades: da zona histórica da cidade (aquí chamámola “zona vella”) á zona máis moderna (chamémola “Ensanche” ou “zona nova”), do campus universitario á Alameda, da Praza de Galicia á Praza Roxa… todo son 10 vertixinosos minutos. Cero estrés! Quizais ese sexa o segredo da amabilidade local…
Pero se vos gusta a natureza, entón eses desprazamentos podédelos facer de parque en parque e tiro porque me toca, xa que Santiago é unha cidade que conecta de xeito fluído os espazos verdes. Tal é así que podedes percorrer como corredores ecolóxicos o parque da Alameda, Bonaval, Belvís e Carlomagno ou o Paseo do río Sarela e o parque de Galeras, por exemplo.

Do locus amoenus compostelán pasamos ao fermoso casco histórico cheo de prazas e edificios emblemáticos. E se hai un lugar que une todo isto é a Praza do Obradoiro, corazón monumental de Santiago, rodeada por catro maxestosos edificios, cada un representando un piar fundamental na historia e conformación da cidade: relixión, política, universidade e hospitalidade. Estes son a Catedral de Santiago, o Pazo de Raxoi (sede do concello), o Colexio de San Xerome (reitorado da universidade) e o Hostal dos Reis Católicos (antigo hospital de peregrinos reconvertido en Parador Nacional). Este quilómetro cero, imprescindíbel en calquera visita á nosa cidade, tece despois unha maraña de rúas, ruelas e calexóns medievais que vos irán sorprendendo con cada segredo que agochan: a sombra nocturna do peregrino, o pasadizo baixo a catedral, as portas ocultas con simboloxía templaria… Por non falar das igrexas e mosteiros ou o Mercado de Abastos, parada fundamental e con moito fundamento para as persoas amantes do bo xantar (por algo a gastronomía galega ten a sona que a precede).

E como sabemos que o que vos ronda pola cabeza é o tema da chuvia… pois se chove, que chova. Non lle fagades caso ás predicións meteorolóxicas ata 24-48 horas antes (spoiler: antes diso fallan case sempre). E sabede que no verán refresca, e agradécese, ademais de que a pedra galega realzase e embelécese coa auga. Por outra banda, a cidade con ou sen chuvia é unha das máis seguras de España, polo que podedes vir sen medo nese aspecto. Se a isto lle sumamos a calidade de vida, os prezos (que a pesar do turismo non son abusivos) e o ambiente universitario e peregrino, recibiravos unha cidade para gozar con todos os sentidos.
Que a DrupalCamp 2025 se celebre en Santiago de Compostela non é casualidade… é karma ben programado! Porque si, é o final do Camiño, pero tamén o inicio de grandes ideas. Santiago non só arrecende a incenso e empanada, senón tamén a tecnoloxía e innovación. A cidade acolle importantes empresas do sector e o seu ecosistema tech non para de medrar con novas iniciativas, proxectos e startups, fomentando un ambiente propicio para o intercambio de coñecementos.
En resumo, Santiago de Compostela é unha cidade acolledora e vibrante que vos ofrecerá unha experiencia única cunha mestura de historia, cultura, festa, natureza e ambiente profesional e de negocios.